01 ago
|
Asociación das Empresas de Arteixo
|
A Baiuca
01 ago
Asociación das Empresas de Arteixo
A Baiuca
Asistente de Dirección e Xestión de Proxectos (CNO 36131011)ARTEIXO, España
Entidade: Asociación das Empresas de Arteixo ·
Localización: Arteixo (A Coruña)
Contrato: Temporal de 9 meses, con vontade de consolidación do posto ·
Xornada: Completa segundo convenio
Incorporación: 01/09/2026 ·
Prazo de candidaturas: 02/08/2026
Quen somos A Asociación das Empresas de Arteixo é a entidade que agrupa e representa o tecido empresarial do concello de Arteixo: comercio, hostalería, servizos e industria. Traballamos para dinamizar a economía local, prestar servizos ás empresas asociadas e impulsar proxectos de desenvolvemento empresarial e territorial, no marco da nosa Estratexia 2026-2030.
O posto
Buscamos unha persoa nova, con titulación universitaria, para incorporarse ao equipo técnico da Asociación en calidade de Asistente / Secretario/a de Dirección (CNO 36131011). A súa misión principal será prestar apoio administrativo, loxístico e de xestión directo á Xerencia-Dirección, colaborando de forma transversal na execución documental de proxectos, a comunicación institucional e a atención ao tecido empresarial do concello.
É unha oportunidade real de aprender como funciona unha organización empresarial por dentro, con responsabilidade na xestión diaria e un acompañamento directo por parte da Dirección.
Que farás
- Asistencia e apoio directo á Xerencia na xestión administrativa, económica e documental da entidade (facturación, remesas, provedores, arquivo de expedientes), empregando Odoo como ferramenta de xestión interna.
- Tramitación e organización documental de proxectos: colaborar de forma directa na preparación técnica de solicitudes, recompilación de facturas, xustificación de subvencións e redacción de informes ou memorias para a Dirección.
- Secretaría e loxística de actividades: coordinar a operativa, axenda e secretaría de campañas, eventos e reunións da asociación (control de cronogramas, xestión de inscricións, atención a provedores e apoio loxístico).
- Atención e comunicación coas empresas: atender, canalizar e informar ás empresas asociadas, actuando como enlace da Dirección, e manter actualizadas as bases de datos da entidade.
- Redacción de comunicacións oficiais: elaborar e difundir contidos, circulares e notas informativas para a web, o boletín e as redes sociais da Asociación baixo a supervisión de Dirección.
- Apoio ao seguimento estratéxico: colaborar na recollida de datos e actualización de indicadores para a Estratexia 2026-2030 e o Observatorio Empresarial.
Requisitos imprescindibles Esta contratación realízase ao abeiro da axuda «TR349Z - Subvención para organismos intermedios que contraten persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa FSE+ GALICIA 2021-2027», da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, polo que as persoas candidatas deben cumprir, no momento da selección e da contratación:
- Ter entre 18 e 29 anos.
- Estar en situación de desemprego e inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandante non ocupada.
- Figurar inscrita como beneficiaria no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Non ter traballado nin participado en accións educativas ou formativas o día natural anterior á selección e á sinatura do contrato.
- Non ter sido contratada/o anteriormente por ningunha entidade, durante un período igual ou superior a 180 días,
ao abeiro dos programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro nin dos programas de contratación de persoas mozas do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil por entidades locais ou organismos intermedios, convocados en 2025 pola Xunta de Galicia.
Ademais:
- Titulación universitaria oficial, preferentemente en ADE, Economía, Ciencias Empresariais, Relacións Laborais, Ciencias Políticas, Socioloxía, Turismo, Márketing, Publicidade e RRPP, Comunicación Audiovisual, Xornalismo ou áreas afíns.
- Dominio do galego e do castelán, falado e escrito.
- Competencia dixital avanzada (organización de arquivos dixitais, ferramentas ofimáticas e colaborativas).
Valoraremos
- Coñecemento de ferramentas de xestión empresarial (ERP/CRM), especialmente Odoo, así como Google Workspace, Microsoft 365 ou Notion.
- Formación de posgrao en xestión de proxectos, desenvolvemento local, innovación, administración ou ámbitos afíns.
- Coñecementos ou nocións en xestión administrativa e xustificación de subvencións públicas.
- Habilidades sociais, organizativas e capacidade de secretariado para a coordinación de campañas ou eventos.
- Capacidade de organización, análise de datos e soporte na elaboración de informes.
- Permiso de conducir B e vehículo propio.
Non esperamos que ninguén chegue sabendo todo isto: valoramos por riba de todo a capacidade de aprender, a organización, a iniciativa e as ganas de medrar profesionalmente nun proxecto colectivo.
Que ofrecemos
- Contrato de 9 meses (vinculado á axuda TR349Z de Garantía Xuvenil) con vontade expresa de consolidar o posto se a evolución da entidade o permite.
- Formación práctica en asistencia á dirección, xestión de entidades, proxectos, subvencións e ferramentas profesionais de última xeración.
- Traballo con impacto directo no tecido empresarial e na economía local de Arteixo.
Integración nun equipo próximo e horizontal onde as túas ideas serán escoitadas desde o primeiro día, contando co acompañamento directo da Xerencia-Dirección e unha autonomía crecente nun proxecto moi ágil.
📌 Asistente de Dirección e Xestión de Proxectos (A Baiuca)
🏢 Asociación das Empresas de Arteixo
📍 A Baiuca